CRTVG

Buscar

O Celta paga a súa fraxilidade no Ciutat de Valencia (3-1)

Publicado o 22/12/2019 21:20

Entre estas imaxes de aeroportos desta mañá e estoutra desta tarde hai 1.000 quilómetros de diferenza e a penas sete horas. Ao Celta non lle puido o temporal, nin a viaxe, nin o Levante na primeira parte e na segunda o que o afundiu foi a súa fraxilidade.

Saíu con tres centrais, con Mallo no lateral, cun triángulo na medular composto por Okay, Lobotka e Rafinha e con Mina e Aspas arriba. No primeiro tempo foi superior. Aspas deu o primeiro aviso e -pasada a media hora- concretou. Foi nun saque de esquina que tocou Araújo e o de Moaña remachou. O Celta estivo serio, sólido e agás neste empurrón de Morales a Costas transitou sen problemas pola primeira parte. Rubén salvou o tiro de Róger.

O segundo período foi diferente. O Levante saíu con outra determinación, mais o Celta non renunciou a facelo segundo. Mina puido conquerilo tras unha boa acción de presión e roubo. Foi a xogada clave. Mina fallou... e o que non o fixo foi a seguir o Levante. Mayoral e Morales desbordaron en banda. Rubén rexeitou como puido o tiro de Mayoral e Róger só tivo que empurrar. Minuto 60 e partido empatado no Ciutat. Con media hora por diante e con Mayoral como revulsivo no cadro local.

Del foi a xogada do segundo tanto local e o gol de Róger, outra vez. Os do Celta protestaron, pediron que o fóra de banda en que nace a xogada lles era favorable. Despistáronse na protesta e pagárono. As protestas sempre despois, nunca durante. Así tirou o partido o Celta e así acaba o ano en posicións de descenso. No tempo de compensación Mayoral pechaba o encontro co terceiro local. 3-1 no Ciutat de Valencia. Alarmas acendidas en casa Celta. Tempo agora de Nadal, de vacacións, tempo de reflexión.

 

Noticias web

22/12/2019