CRTVG

Buscar

O Celta non comparte a opinión de Escribá de "ter limitacións por culpa da canteira"

Publicado o 20/08/2019 16:41

Presentouse o Real Madrid en Balaídos nun partido de altos voos, e Escribá opúxolle un Celta con seis canteiráns no once, que chegaron a ser oito coa entrada de Pape e do goleador Iker Losada. Ninguén agardaba que o técnico abrira a caixa de pandora tras o partido. Bota en falta máis pólvora no banco. "Temos moita xente de canteira. É unha aposta bonita do club, pero é certo que ás veces limítanos en cousas. É bonito que o rapaz saia e marque, pero tamén é bonito ter unhas solucións ofensivas como o Madrid, que sacou tres internacionais, en substitución dos seus xogadores de máximo nivel. Eu saquei un rapaz", dicía Escribá.

A reacción do club non se fixo agardar. O responsable de traer de volta canteiráns como Denis, Mina ou Pape, prefire quedar co que o técnico transmite en privado. "Falando con el, creo que non foi a mellor conferencia de prensa da súa vida. Non vai ser a que mellor lembre. Dixo unha cousa, pero cando eu falo con el transmite outra. A canteira non limita, ao revés: viñeron canteiráns cun nivel moi alto, e os que están para axudar axudan. O feito é que Iker axudou cun gol, e tamén é mérito del, debería pórse a medalla", dixo Miñambres, director deportivo celeste.

Como adoita acontecer nestes casos, as medallas comezarán a repartirse cando cheguen as vitorias.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/08/2019