CRTVG

Buscar

O Celta leva un punto do Villamarín nun partido frenético (3-3)

Publicado o 05/11/2018 16:47

O Celta que emociona a súa afección é o Celta do Benito Villamarín. O fútbol de hai anos practicouno na casa do Betis. A diferenza de vir cun punto ou sumar os tres apréciase nestas dúas xogadas. Canales saca dun problema a Quique Setién e o fútbol que defende mentres o ferro rexeita o lanzamento de Iago Aspas. Era o tres-catro. Todo quedou nunha repartición de  puntos. Todo tras un encontro sobranceiro do Celta. 

O intercambio de golpes en que se converteu o partido entre o terceiro e o penúltimo equipo que máis goles meten da Liga deixaba ao Celta con máis boletos de levar a vitoria, pero o Betis tirou proveito dunha primeira metade en que estivo mellor, e que encauzou grazas a unha xogada de ida e volta. O gol anulado a Okay coa axuda do VAR que se convertía nun ataque rápido que espía unha vez máis as carencias defensivas do Celta.

Antonio Mohamed. Adestrador do R. C. Celta: "Unha xogada do VAR, da mesma que sacan fan gol, é un golpe psicolóxico porque do 0-1 pasamos ao 1-0. Pero o equipo non se rendiu, foi buscar".

A recuperación non foi inmediata, nunha primeira metade en que o Celta intentou presionar arriba, pero deixou moitos espazos. Puideron marcar Canales e tamén Loren, pero foi finalmente Junior, noutra transición rápida, quen aproveitou o carreiro pola esquerda para establecer o 2-0 na continuación. Tocaba remar, e abrir o partido, onde o Celta se sinte máis cómodo. E así foi coa entrada de Hjulsager e Maxi, que fabricaron dous dos goles célticos.

Antonio Mohamed. Adestrador do R. C. Celta: "Foi un partido que pensamos así. Lamentablemente non puidemos gañalo. Sabíamos que un partido aberto non conviña".

Quique Setién. Adestrador do R. Betis: "Estou contento contra este equipo que de dez tiros faiche sete goles".

E queixas de Antonio Mohamed que saíu do Benito Villamarín contrariado. Porque os seus futbolistas mereceron a vitoria e porque foi expulsado de maneira inxusta, na súa opinión. Con dous-cero o Betis agochaba os balóns, coa remonta do Celta todo cambiou. Diso se queixou o técnico antes de pasar os últimos minutos no vestiario.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

05/11/2018