CRTVG

Buscar

O Celta de Coudet comeza con derrota en Sevilla

Publicado o 21/11/2020 21:27

Os vigueses caeron por 4 goles a 2 nun partido con luces e sombras

Sevilla F. C. 4 - R. C. Celta 2

Comezou a era Coudet e comezou co mesmo once co que acabou a etapa de Óscar. Repetiu aliñación e dispuxo como estrutura un 4-1-3-2.

O Celta foi arriba, ambicioso, e nos primeiros cinco minutos o Sevilla creoulle tres ocasións e marcoulle un gol. Un despropósito. O gol chegou nun saque de esquina que rematou primeiro Diego Carlos, rexeitou Rubén e acabou por remachar Koundé. Nese intre o efecto Coudet era fume, causado por un desastroso balance defensivo.

Mais lonxe de entrar nas dúbidas ou virse abaixo, co tanto encaixado, o Celta comezou a tocar e axustou atrás, máis compacto e solidario. Empatou aos dez minutos tras un mal centro de Hugo Mallo que se envelenou e comprometeu a Vaslik. Aspas moi atento, aproveitouno. A partir de aí, a primeira parte foi xa do Celta.

Á media hora chegaba o segundo galego, tras unha fermosa combinación entre Brais e Dernis que lanzou a Aspas. Gañoulle a carreira a Fernando, Vaslik sacouna, pero foi pra deixarlla a Nolito. Gol de Nolito. Ninguén se lembraba xa do bochorno do inicio. O Celta era outra historia. Era o Celta protagonista que quere Coudet e que puido ampliar antes do descanso mais co que petou foi co empate do Sevilla. Olaza permitiu o centro de Navas e cabeceou -imperial- En-Nesir. 2-2. Resultado inxusto ao descanso.

No segundo tempo o Sevilla foi arriba e o Celta respondeu na contra e en xogada, con ocasións claras coma esta con centro de Mallo que despedicia Santi Mina. Mais logo chegou o cansanzo e a superioridade física do Sevilla. O Celta vuse abaixo no cuarto de hora final e aí resolveu o Sevilla. Escudero lograba o terceiro tras un tiro que petou en Tapia, minuto 80. E no 85, o cuarto e definitivo, tras unha perda na medular de Denis que acendeu a contra hispalense. Definiu Munir, axudado pola bota traizoeira de Murillo.

Así foi a estrea do Celta de Coudet. De luces e sombras, con moitos minutos para a esperanza e con lagoas que invitan ao traballo e a inquedanza.



 

Noticias web

21/11/2020