CRTVG

Buscar

O Celta dá un paso atrás en Leganés

Publicado o 09/12/2019 16:25

Quen castiga o Celta é o fútbol, con dez minutos non é suficiente. E aínda así, Iago Aspas tivo a oportunidade de empatar na última acción. Aspas impulsou o Celta despois de oitenta minutos nefastos. A fortuna e a pouca capacidade de competición dos celestes levantaron o Leganés.

Semellaba superada con Óscar García a fase indolente do xogo celeste. Máis o enfermo, e malia os trocos no equipo ou mesmo por eles, recae.

O golpe foi triple. Tres rabañudas do Leganés que deixaron aos celestes en prognóstico reservado e que arrancaron aquí, no minuto 15, con lanzamento de falta impecable de Óscar Rodríguez.

Vinte minutos despois o segundo: recunca Óscar Rodríguez cun duro lanzamento en carreira e na estremeira da media lúa. O Celta marchou á caseta doente e co partido moi costa arriba, pero todo o que pode empeorar empeora e velaí o terceiro. Minuto 55, un exemplo práctico de corrosión de materiais na capacidade de concentración celeste. Pelota que vai e ven e que acaba nas botas de Kévin Rodrigues entrando cómodamente a perfilarse e preparar un lanzamento que volve colarse na porta de Rubén.

A partir do minuto 64 púxose o Celta á faena. Pione Sisto, que substituira a Denis Suárez mancado, move a falta e peitea o Touro Fernández, máis quen marca é Araújo. O árbitro ponse estrito nesta acción de Fernández a Tarín, segunda amarela e expulsión. Máis dificultades que Iago Aspas conxura cun toque de exquisitez. El guisa e come o 3-2, entrando pola banda e deixando pola popa aos rivaius que lle saen ao paso até superar a Cuéllar prolongando coa punteira. O colista quita tallada e o Celta perde parte do crédito de concepto recuperado con Óscar García.

Noticias web

09/12/2019