CRTVG

Buscar

O Celta cae na volta de Zidane ao Madrid

Publicado o 17/03/2019 13:14

O Celta non soubo correr cando puido e tampouco tivo ideas cando lle tocou levar o dominio do choque.

"A nivel individual todos deben achegar algo máis do que están achegando. O rendemento individual de certos xogadores con talento non está sendo o que esperabamos. Creo que nos trabucamos as veces que entramos en campo contrario con vantaxe, incluso no derradeiro pase e deixounos sen ocasións de gol pero a nivel de actitude o equipo nunca baixou os brazos", explicou Fran Escribá, o adestrador do Celta.

Porque o Celta levou o primeiro golpe moi cedo, no minuto dous mancouse Juncá e Escribá tivo que modificar a idea inicial. Entrou Hoedt, Kevin pasou á banda dereita e Costas á esquerda. O central holandés asistiu a Maxi na mellor ocasión dos vigueses. A cacholada de Maxi atopou os reflexos de Keylor Navas. Zidane volveu ao banco branco e volveu confiar nos sinalados por Solari: Keylor, Marcelo, Isco e Bale, titulares.

"Vou contar con todos. Con Thibaut, con Reguilón... e os xogadores do centro do campo pero, ao mesmo tempo, Keylor é moi bo, Marcelo nin che digo, Isco igual... teño que contar con estes xogadores porque son bos, nada máis", reflexionou Zidane no seu regreso.

E eses xogadores responderon á confianza do seu adestrador. Isco meteu o primeiro tras a gran acción de Asensio e o centro raso de Benzema. A xogada nace nunha perda inocente de Boufal no medio do campo e malia que o VAR revisou un posible fóra de xogo, acabou por darlle validez ao tanto. Era o 62. E no 77, combinación entre Marcelo e Bale e gol do galés. O Celta amosouse máis sólido atrás que en xornadas anteriores pero os seus propios erros custan demasiado caro. Dez partidos, dez finais para fuxir da segunda.

Noticias web

17/03/2019