CRTVG

Buscar

O Celta B soña coa Segunda División; o Deportivo e o Rácing, con asegurar a Primeira RFEF

Publicado o 29/04/2021 20:44

O filial do Celta asómase a unha posibilidade impensada no comezo da campaña. A de xogar a eliminatoria de ascenso a Segunda División. Está a unha vitoria de distancia que ben puidera ser a deste domingo ante a Cultural, como di Alberto Solís: "É o soño que temos esta semana por diante e non queda outra que cumprilo, queremos cumprilo como sexa porque xogamos no noso estadio, en Balaídos e queremos facelo da mellor forma posible para que o domingo sexa unha festa e consigamos meternos nese ansiado 'play off'"

O sábado e ante 3.000 espectadores na Malata o Rácing recibe o Numancia. Unha vitoria aseguraría a continuidade na Primeira Federación a vindeira campaña. "Oxalá que se poida facer esta semana na nosa casa, cumprirmos o obxectivo gañando e celebrando... moita xente chámalle ascenso, outra fala de permanencia, eu coido que é darmos o paso para estarmos máis preto cada vez do fútbol profesional", apunta David Rodríguez.

Pendente dese partido estará o Deportivo que xoga o domingo. Se o Rácing gaña, os herculinos teñen a oportunidade de conseguir o obxectivo derrotando tamén o Langreo.

"Os momentos en que tivemos máis tensión e tivemos que gañar si ou si foron os partidos que mellor se nos deron, baixo esa presión", lembra Lucho García.

A xornada decisiva, como non, na segunda canle da Televisión de Galicia