O Celta aproba os orzamentos de 86 millóns de euros para este curso

A xunta xeral e extraordinaria de accionistas do Celta de Vigo aprobou este martes un orzamento superior aos 85 millóns de euros (85.904.244) para a tempada 2019-20, un novo récord na historia do club. A entidade celeste superou por primeira vez a barreira dos cen millóns en ingresos (105,2), pechando o exercicio 18-19 cun beneficio despois de impostos de 21,4 millóns. "Isto supón unha mellora de case o corenta por cento respecto á previsión que trouxeramos á xunta o ano pasado", explicou a directora financeira do club, María José Herbón, quen destacou a "solvencia" económica que vive a entidade presidida por Carlos Mouriño.
O Celta ingresou máis de 28 millóns de euros polo traspaso de xogadores como Borja Iglesias (10 millóns de euros), Jonny Otto (6,2), Wass (5,5), Sergi Gómez ou o danés Mathias Jensen (748.000). As destitucións do arxentino Antonio Mohamed e o seu sucesor, o portugués Miguel Cardoso, custáronlle ao club máis de tres millóns de euros en concepto de indemnización.
Para o próximo exercicio, o Celta prevé 49 millóns de ingreso polos dereitos televisivos, e arredor de 23 millóns de euros por venda de futbolistas, unha cantidade que xa se asegurou tras o traspaso do internacional uruguaio Maxi Gómez ao Valencia -algo máis de 22 millóns-. O despedimento de Fran Escribá, substituído o pasado mes por Óscar García Junyent, disparará a previsión de gasto deportivo, fixada en case 40 millóns de euros (38,7).