O Celta anuncia a renovación de Iago Aspas ata 2023
O Celta celebra a renovación de Aspas, o dianteiro vestiará a camisola celeste ata o ano 2023. Momento en que a entidade celebra o seu centenario. Unha data máis que significativa. O Celta amarra o seu peso pesado, o canteirán que conseguiu revitalizar o equipo tras meses de ausencia e que soña con retirarse nun club en que, sen dúbida, marcará toda unha época.
O emblema do celtismo protagonizará tamén o centenario do club. Iago Aspas sinalará e bicará o escudo ata 2023, cando estea a punto de facer 36 anos e de cumprir o soño de retirarse no club, no seu club de sempre. Xa con 11 anos esta era a súa tarxeta de presentación.
O dianteiro seguirá no club ao que mantivo no fútbol profesional con dous goles ante o Alavés hai dez anos.
Nunha semana de extrema necesidade, en plena escalada cara á reconquista da tranquilidade, chega a outra noticia máis esperada polo celtismo. Aspas escolle quedar e rexeitar ofertas que chegaron a triplicar o que cobra na casa. Iago seguirá no club que subiu á Primeira tres temporadas despois da agónica salvación ante o Alavés, que levou ata unha semifinal da Liga Europa e ao que mantivo na memoria mentres defendía camisetas estrañas en Sevilla e Liverpool. Un club que se desanima ante xestos inesperados e que se entrega ante o feitizo e o talento dun futbolista que seguirá marcando unha época.