CRTVG

Buscar

O Castro de Viladonga podería pasar a ser de titularidade pública

Publicado o 21/01/2019 14:40

O castro de Viladonga, que recibe cada ano máis de 25.000 visitantes, podería pasar a ser de titularidade pública na súa totalidade. Cultura está a negociar cunha decena de propietarios a compra de dúas hectáreas de terreo, o que permitiría ampliar os traballos de estudo e de investigación no xacemento.

A día de hoxe, a metade da extensión do Castro de Viladonga, en Castro de Rei, segue a ser propiedade privada. Das algo máis de catro hectáreas do conxunto, só dúas son de titularidade pública. Trátase da croa, da muralla principal, do antecastro oeste e dos terreos do museo. O resto pertence a unha decena de propietarios, cos que está a negociar Cultura para que o xacemento pase a ser público na súa integridade.

Coa adquisición por parte da administración pública, aceleraríanse os trámites para realizar futuras excavacións arqueolóxicas, ao non ser necesaria a autorización por parte dos actuais donos. Por tanto, permitiría ampliar os traballos para seguir a investigar os segredos que aínda agocha o xacemento.

O conxunto do Castro de Viladonga, que está declarado Ben de Interese Cultural, recibe cada ano máis de 25.000 visitantes.
 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

21/01/2019