CRTVG

Buscar

O castelo de Quindous, en Cervantes, á venda por 225.000 euros

Publicado o 17/09/2018 14:14

Un castelo do século XIV, que foi refuxio de templarios e situado ao pé dos Ancares, pode ser seu por 225.000 euros. Os propietarios póñeno á venda para evitar que se deteriore e recomendan convertelo nun hotel de luxo que poida recuperar todo o valor histórico que ten.

Este é o castelo de Quindous, na parroquia homónima do concello de Cervantes. Leva algo máis de 40 anos deshabitado. Aínda que foi construído no século XIV, mantense en bo estado porque hai pouco que o retellaron e porque o grosor dos seus muros sostén toda a estrutura. O castelo está en venda e os seus propietarios taxárono en 225.000 euros. Trátase dun inmoble catalogado como ben de interese cultural dende 1949. Malia o seu valor histórico foi caendo no esquecemento. Agora, os vendedores cren que pode ser un bo momento para recuperalo.

Asociadas ao castelo hai numerosas lendas. Unha delas di que foi fortaleza templaria e que serviu de refuxio para os últimos membros desa orde durante as persecucións que sufriron. Tamén se conta que dona Urraca, filla do rei Fernando VI de Castela estivo residindo un tempo entre os seus muros. O que si é certo é que os señores de Quindous figuraron durante séculos como propietarios e que o seu apelido deu nome a toda a zona. De feito, case todos os veciños traballaban para a familia.

As dúas torres grandes son o principal atractivo dun castelo que os seus vendedores cren que podería ser reformado para converterse nun hotel de luxo.

Noticias web

17/09/2018