CRTVG

Buscar

O caso que resolveu o crime de Diana Quer

Publicado o 09/04/2019 20:08

Foi na noite de Nadal de 2017. Dous mozos que subían pola rúa Bao de Boiro oíron os berros dunha muller. Un descoñecido tentaba metela á forza no maleteiro do seu coche.

"Foron tres ou catro minutos de loita e berros. Antes de chegar nós a moza chegou a estar metida no maleteiro, pero tiña as pernas por fóra, e o Chicle pedíalle o móbil, pero ela non llo daba", contaba un dos rapaces.

A aparición dos mozos fixo que o agresor fuxira. A muller denunciou axiña ante a Garda Civil e a súa declaración sorprendeu a todos. Lembraba o modelo e a matrícula do coche e identificou perfectamente o seu agresor. Achegou, ademais, unha proba que sería definitiva para resolver o caso.

"A moza, que ía manipulando o móbil, cando se sente agredida empuxa o teléfono cara ao peito e accidentalmente pulsa no botón de WhatsApp de gravar son e casualmente o audio queda gravando ata que o solta e o envía á persoa coa que tiña a conversa de WhatsApp", comentaba daquela Francisco Javier Jambrina Coronel, xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña.

Ademais, na zona gravouse un vídeo que confirma o relato da vítima. A Garda Civil ve o modus operandi do agresor. Curiosamente, o mesmo que se utilizou para raptar a Diana Quer.

A José Enrique Abuín arrestárono por este intento de rapto en Boiro, pero os axentes sabían que esta era a oportunidade definitiva para resolver o caso Diana Quer. E non se equivocaban. Ao ver as imaxes do intento de secuestro, a muller do Chicle retíralle a coartada e el acaba confesando. Non recoñece homicidio nin asasinato, di que atropelou a Diana por accidente e conduce os axentes ao lugar onde agochou o corpo, unha nave abandonada de Rianxo, moi preto da casa dos seus pais.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/04/2019