CRTVG

Buscar

O caso Coté finaliza con acordo: 6 anos de cadea e 3,3 millóns de indemnización

Publicado o 13/01/2021 15:10

De 338 anos de cadea a 6 anos e o pagamento dunha indemnización de tres millóns trescentos mil euros. Este é o acordo ao que chegaron esta mañá todas as partes, incluídos os avogados dos colexios de fisioterapeutas de Galicia e España.

"Satisfacción en canto ás pretensións, xa que por un lado reflíctese a condición da osteopatía como unha competencia propia da fisioterapia, non independente desta, e, por outro lado, satisfacción tamén en canto ás indemnizacións para as vítimas", di Ignacio Espinosa, o avogado do Colexio de Fisioterapeutas de Galicia.

Para poder pechar o acordo, José Manuel López, coñecido como Coté, tivo que asumir que se fixo pasar por médico cando non o era, que falseou documentos e que lles causou lesións a 129 persoas que acudiron á súa consulta de Ferrol. Pola súa banda, as acusacións retiraron os delitos de homicidio por imprudencia e de lesións gravosas.

Desde a asociación de vítimas din estar contentos por poder pechar este duro capítulo da súa vida. "Estamos moi cansos. Foron 13 anos de loita. Deixamos algúns compañeiros polo camiño. Creo que merecemos este descanso. Que se declare culpable de lesionar, ser un estafador, un intruso e un falso médico. A maior satisfacción é poder escoitalo da súa propia boca. Iso vale máis que calquera outra sentenza", manifesta Esther Fontán, presidenta da asociación de vítimas.

O acordo acadado hoxe é verbal. Será o 20 de xaneiro, tras comprobar que Coté fixo o ingreso dos cartos que faltaban, cando quede asinado e diten sentenza.

Noticias web

13/01/2021