CRTVG

Buscar

O cárcere de Lledoners amplía as saídas de Junqueras e Romeva

Publicado o 07/05/2020 17:24
O cárcere de Lledoners amplía as saídas de Junqueras e Romeva

A Xunta de Tratamento do cárcere de  Lledoners ampliou aos ex-consellers Oriol Junqueras e Raül  Romeva os días de permiso para traballar polo artigo 100.2 para que recuperen as horas que non puideron saír debido ao confinamento polo coronavirus. 

A Junqueras e a Romeva, que ata o de agora tiñan permitido saír seis horas diarias tres días á semana, autorízanos a abandonar a prisión durante catro días ata un máximo de 10 e 12 horas, respectivamente, para ir traballar. Así o informa o Departamento de Xustiza.

• Dende o inicio do confinamento, Junqueras non puido renovar as súas saídas laborais na Universidade de Vic, pois o centro estaba pechado pola COVID-19. Autorízano a cambiar de lugar de traballo: agora vai desenvolver o seu labor de investigación universitaria no mosteiro de  Poblet, en Vimbodí i Poblet (Tarragona).

• A ex-presidenta do Parlament, Carme Forcadell, tiña autorizado saír tres días á semana durante nove horas. Pois ben, o cárcere de Mais d'Enric permítelle facelo agora durante doce horas, no seu caso por unha modificación horaria exposta pola asociación onde leva a cabo labores de voluntariado.

Raül  Romeva, que tiña autorizado saír para traballar nunha asociación privada no marco dun proxecto vinculado aos acordos de paz de Dayton que puxeron fin á guerra de Bosnia, seguirá co mesmo emprego. Con todo, modificáronlle o contrato para ampliarlle o horario. 

A decisión das xuntas de tratamento dos centros pode ser recorrida pola Fiscalía, pero é a Audiencia de Barcelona a que ten a última palabra. As saídas polo 100.2 baixo o estado de alarma están condicionadas a que o centro de traballo onde está destinado o recluído renovase a súa actividade e permaneza aberto, así como que o interno acceda a desprazarse ao mesmo. 

Esta medida non se aplica aos internos a que, previamente ao estado de alarma, tiñan permitidas saídas para coidar de familiares ou levar a cabo tarefas de voluntariado, como é o caso do  ex-presidente da  ANC Jordi  Sànchez, debido ás medidas de confinamento.

Aínda así, no caso de  Forcadell, a Xunta de Tratamento acordou autorizarlle saír para facer voluntariado despois de que o  'Govern' pedira que a rexión sanitaria do Camp de Tarragona, onde se atopa a prisión de Mais d'Enric, pase á fase 1 do desconfinamiento o vindeiro luns. Isto faría posibles os desprazamentos dentro da mesma área sanitaria.

Esta ampliación de permisos por parte das xuntas de tratamento de  Lledoners e Mais d'Enric chega o día despois que o Tribunal Constitucional admitira a trámite os recursos interpostos por nove dos doce líderes do 1-O, abrindo así a vía para revisar a sentenza do Constitucional, aínda que rexeitou polo momento deixar en suspenso as penas de prisión.