CRTVG

Buscar

A Revista

O carballo anano do monte Pindo xa se pode reproducir 'in vitro'

Publicado o 23/01/2018 13:26

No monte Pindo, en Carnota, consérvase a poboación de carballo anano máis setentrional de Europa. É a xoia da coroa deste espazo natural e está en risco de extinción. Por iso en 2015 botou a andar un proxecto de multiplicación que garantira a súa supervivencia, e hoxe podemos dicir que se completou con éxito. Imos ata o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas que ten o CSIC en Compostela para que nos conten en que consistiu o traballo.

O 'Quercus lusitanica' é unha especie de carballo anano que medra ata os seiscentos metros de altitude, en solos pobres e en climas suaves. É máis ben un arbusto de arredor dun metro de altura, e o que o fai máis peculiar é que hoxe só se conserva en redutos moi concretos do sur de Europa. Malia que seguramente estivo máis estendido, na actualidade só ten tres localizacións descritas, unha delas aquí, no monte Pindo en Carnota.

O carballo anano é a especie máis emblemática deste espazo, pero é unha poboación pequena. Dende 2011 está incluída no catálogo de especies ameazadas, e en 2013 correu o risco de desaparecer co lume que arrasou máis da metade da superficie do monte.

De aí naceu a idea de desenvolver un sistema para garantir a súa conservación, que se materializou nun proxecto de colaboración entre a Asociación Monte Pindo, un investigador da Universidade de Santiago e o Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas do CSIC.

Tratábase de poñer a punto un sistema de propagación que requirise pouco material de partida, para que non afectase os exemplares que quedaran no monte. En 2015 recolleron material vexetal das árbores que sobreviviran ao incendio, e con esas gallas comezaron as probas de reprodución 'in vitro'.

Xa desenvolveran este procedemento para outras especies de carballo, así que só houbo que adaptalo a esta. Recolleron os brotes que medraron nas estacas orixinais, en condicións de esterilidade e sen contaminación ningunha, e son eses os que multiplican. Volven cultivar cada xema por separado que, nunhas catro semanas, xa se terá desenvolvido abondo para enraizar.

Son copias exactas da planta nai, clons que poden conservarse e multiplicarse indefinidamente. Cando precisan planta, cambian a hormona de cultivo para que en vez de desenvolver vexetación comece a botar raíces. Conseguiron que máis do oitenta por cento dos gomos desenvolvera un bo sistema radicular en poucas semanas, e que o setenta por cento sobrevivira ao transplantalo á terra.

O obxectivo era definir os procesos para garantir a conservación desta especie, e conseguírono. É a primeira vez que se establece o protocolo de reprodución 'in vitro' para o 'Quercus lusitanica'. Agora seguen multiplicando o material para mantelo, pero non teñen máis proxectos de investigación a curto prazo.

Están listos para producir planta en cantidade se houbera que executar un proxecto de repoboación. Parece que a poboación de 'Quercus lusitanica' foi rexenerando ben de maneira natural no monte Pindo, pero agora, grazas a este traballo, xa poden garantir a supervivencia ou mesmo a expansión desta especie diante dos riscos que a a ameazan.

A Revista

23/01/2018