CRTVG

Buscar

O Carballiño recupera unha certa normalidade tras un mes de restricións

Publicado o 21/11/2020 14:18


Foi o primeiro concello en entrar no nivel 1 de restricións, as máis duras, e tamén é o primeiro en saír. Despois dun mes sen poder desprazárense fóra da vila sen causa xustificada, e con todo pechado agás os servizos esenciais, os veciños do Carballiño están encantados.

Veciño: "Polo menos vese vida na vila, inlcuso coincidiu con este día que nos amenceu tan brillante, entón iso é unha marabilla, claro, dá gusto". Veciño: "Bótase de menos, isto sen os bares non é o mesmo país".

Desde este sábado os veciños da vila poden volver gozar dun café no bar, tanto non interior coma na terraza, aínda que a consumición na barra segue vetada. E, ademais, pódeno facer acompañados de amigos ou familiares, en grupos de ata seis persoas como máximo. Os locais seguen tendo limitacións, só poderán estar ao 50 por cento da súa capacidade dentro, e ao 75 por cento fóra nas terrazas.

Veciña: "Isto foi, a verdade, un pau moi grande e para os negocios en xeral, non soamente para a hostalería".

Durante este mes algúns hostaleiros puideron manter abertos os seus negocios para servir a domicilio pero outros tiveron que pechar.

Hostaleiro: "É un mes pero alóngase tanto no tempo que a primeira impresión cando chegas e acendes as luces é emocionante, incluso" "Nós estamos contentos de poder vir ao Carballiño, vir tomar un café porque antes non se podía pasar".

Ademais da apertura dos negocios, tamén se poden celebrar mercados e feiras, aínda que limitando a afluencia. 


Veciño: "Esperemos que agora O Carballiño, a xente teña un pouco de sentidiño e portarnos un pouco mellor, a ver se podemos saír desta... que xa non sei como chamarlle porque mentalmente estanos acabando xa..."

Despois do Carballiño, Ourense cidade e Verín confían en que a Xunta decida nos próximos días suavizar as restricións ante o descenso do número de contaxios.

Noticias web

21/11/2020