Baixan os contaxios no Carballiño, primeira vila en aplicar as medidas máis duras
O Carballiño chegou a ter a mediados de outubro preto de 200 casos activos. Agora baixou a 41. E o máis importante; na última semana só se detectaron 14. Na vila comeza a haber certo optimismo tras pasaren en só tres días do nivel vermello de alerta ao amarelo. Os veciños confían en poder deixar atrás o antes posible as duras restricións que sofren desde hai máis dun mes.
Hai cinco semanas, O Carballiño sufriu unha incidencia da covid−19 superior aos 1.000 casos por cada cen mil habitantes. Chegou a ter 187 casos activos. Agora só quedan 41. En tres días baixou dous chanzos o nivel de alerta.
Hai certa confianza en poder relaxar axiña as duras restricións que deben cumprir desde hai máis dun mes.
Manuel Sotelo, concelleiro de Seguridade do Carballiño: "Penso que a ver se o informe clínico, que me parece que se reúne o xoves, nos dá algunha nova. Polo menos que nos quiten o peche perimetral. Pero, en fin, nós estamos ao que nos digan eles".
Cando se implantaron no Carballiño eran as medidas máis duras de toda España. Logo ese modelo de restricións estendeuse a 60 concellos galegos
Félix Rubial, xerente da área sanitaria de Ourense-Verín-O Barco: "Desde logo, se os resultados que estamos obtendo no Carballiño se trasladan ao resto de Galicia, creo que será un grande éxito no control desta segunda vaga da pandemia".
O SERGAS fará un cribado masivo en Ribeira
Pero as autoridades sanitarias reiteran un chamamento á cautela e a non relaxar as medidas anticovid−19. Os ingresos no hospital e nas unidades de críticos de Galicia non se reducen. E o ritmo de contaxios volve repuntar. E non sempre se pode seguir a cadea de contactos dos positivos cando se detecta un incremento dos casos. É o que levou o Sergas a facer un cribado masivo na localidade coruñesa de Ribeira. Entre o xoves e o domingo convocará na lonxa nova 5.500 veciños de 40 a 50 anos para faceren unha proba PCR.