CRTVG

Buscar

O Carballiño celebra unha Festa do Polbo atípica por mor da pandemia

Publicado o 09/08/2020 20:59

A de hoxe é unha data sinalada no calendario do Carballiño: o día da multitudinaria Festa do Polbo. Pero este ano, pola covid-19, non a puideron celebrar como acostuman. Así e todo, houbo polbo, coas correspondentes medidas de protección.

A Festa do Polbo foi nesta edición para os veciños da vila.

"Nós somos de aquí, pero a festa é un pouco atípica. Hai menos xente ca o ano pasado. Hai que estar coas medidas de seguridade e listo", comenta un asistente.

Pasamos das aglomeracións do parque municipal, onde se concentraban en cada edición máis de sesenta mil persoas a grupos reducidos de comensais nas terrazas da vila: "Estámola a facer dun xeito distinto, pero coa familia, cos amigos". "Despois de estar tan pechados, un día libre destes é moi bonito".

Pouco negocio para as polbeiras, que tiñan nesta festa a súa principal fonte de ingresos do ano: "Afluencia coma outros anos non hai, pouquiña, pouquiña, pero é o que nos toca".

Unha festa atípica, que tamén obrigou os profesionais a adaptarse ás esixencias de seguridade contra a pandemia.

María Isaura González, presidenta da Asociación de Polbeiros do Carballiño: "Non deixamos a ninguén sen máscara, temos xeles, non xuntamos os cartos que cobramos e que devolvemos... o que podemos". "Eu penso que se respeta bastante a distancia e todo iso, e ben. E o polbo boísimo. Este, polo menos, estaba moi bo".

Tras 58 anos celebrando esta festa, unha das máis antigas de Galicia, esta edición pasará á historia pola súa excepcionalidade.

"Distinto... Esperemos que outros anos xa poidamos volver a outra normalidade, claro".

Noticias web

09/08/2020