O drama dun veciño de Bueu: "A miña familia non sabe se volverá verme con vida"
• Pablo Costas, capitán do Cobija, alerta de que a situación é extrema, sen auga potable nin comida, tras once días retidos no Iemen acusados de pesca ilegal | Exteriores asegura que traballa o caso "con prioridade" para conseguir a liberación
"A situación é de extrema urxencia. Non temos comida nin auga para lavarnos. A auga que temos para beber non é potable. Temos que fervela varias veces". Así describe Pablo Costas, veciño de Bueu, a súa situación e a dos arredor de 30 membros da tripulación do Cobija. Levan xa once meses retidos no porto iemení de Al Mukallah, nun estado en guerra, tras unha acusación de pesca ilegal en Australia, aínda que, segundo aseguran, nunca tiveran un problema deste tipo.
Malviven nunhas condicións que cada día son máis precarias: "Durmimos onde podemos, ao raso, as ratas andan en todos os cuartos do barco, hai insectos. Non podemos durmir pola calor que se acumula no barco pola chapa e temos que buscar refuxio fóra".
A familia do mariñeiro comparte a súa angustia. Di que sofre un proceso legal sen garantías e quéixase da falta de apoio por parte do Ministerio de Exteriores. Tamén denunciou o caso ante o Defensor do Pobo, pero o propio afectado confirma que, de momento, non hai resposta ningunha. E o tempo corre na súa contra. "Non sabemos en que prazo se vai solucionar isto, ninguén nos di nada. A indefensión é total. E o consulado non nos dá respostas: "A miña familia non sabe se volverá verme con vida".
Bueu solidarízase co seu veciño
A vila mariñeira está empapelada con letreiros que reclaman a súa volta á casa canto antes.
A plataforma de apoio ao mariñeiro encárgase de organizar todo tipo de actos para demandar a súa repatriación. Na organización está representada a familia, a avogada, a CUT, profesores da Escola Náutica, profesionais do mar e as veciñas e veciños de Meiro e A Portela, os barrios vinculados a Pablo Costas.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, indicou este xoves que desde a Xunta están á espera de que as autoridades fiscais poidan "resolver xudicialmente" a situación do pesqueiro. A responsable autonómica de Mar lamentou que "é unha situación complicada" e concretou que o Goberno galego está "en contacto permanente" co Ministerio de Asuntos Exteriores e tamén está a pedir que se lles faga chegar comida e auga a través das ONG.
Tamén indicou que o patrón se atopa "nunha situación delicada" debido á denuncia de Australia por suposta pesca ilegal non declarada e non regulada. "Estamos á espera de que as autoridades fiscais poidan resolver o caso xudicialmente", recalcou.
Na mesma liña, fontes de Exteriores informaron a Europa Press: "Nestes momentos, o xuízo atópase pendente da resolución dun recurso presentado pola Fiscalía contra a sentenza recaída ante o Tribunal de Primeira Instancia de Hadramaut", engadiron as mesmas fontes diplomáticas. En todo caso, recalcaron que o Ministerio concedeu "absoluta prioridade" a este caso, e estanse "realizando xestións" desde as embaixadas de España en Riad (Arabia Saudita), O Cairo (Exipto) e Mascate (Omán) para lograr a "liberación" de Pablo Costas."