O Cangas retoma a liga, tras parar por 20 contaxios de covid-19
Máis de 20 días parados, máis de 20 casos de covid-19 entre os seus integrantes, o coronavirus cebouse co Cangas Frigoríficos do Morrazo. Despois de sete xornadas disputadas e esta parada obrigada, toca volver comezar.
"É como se estivésemos nun período de pretemporada dentro dunha temporada que é completamente anormal. Un mes desde o último partido de liga, ese mesmo luns foi cando nos confinamos, polo que vinte e tantos días na casa sen posibilidade de facer exercicio porque estiveron na cama moito tempo. Porque aínda que estiveron asintomáticos o virus non che deixa traballar como deberías traballar", di Nacho Moyano, adestrador do Cangas.
Traballo o que vén agora, 10 encontros en mes e medio polos aprazamentos, cos riscos que isto pode supoñer para os xogadores.
"Estou un pouco coa mosca detrás da orella de que non aparezan varias lesións agora despois dunha parada tan grande e empezar a acumular a carga de traballo máis os partidos", asegura Nacho Moyano.
Partidos que non se farán agardar, este mércores e sábado ante dous dos equipos máis en forma. "É máis fácil dicirche os equipos que non estiveron confinados e non tiveron paradas que os que si as tivemos. Porque de 18, 15 estivemos parados ou confinados, e tres dos equipos, dous deles son os que temos esta semana polo que eles chegan cunha inercia de xogo que a nós se nos cortou".
A primeira proba será en Pamplona, ante o Helvetia Anaitasuna. O Cangas intentará conseguir a súa primeira vitoria nesta edición da Liga Asobal.