CRTVG

Buscar

O PSOE e Geroa Bai pactan a presidencia do Parlamento de Navarra

Publicado o 19/06/2019 20:46

O acordo entre socialistas e Geroa Bai, a marca do PNV na comunidade foral, chegou cando xa estaba en marcha a votación no Parlamento navarro. A suma dos seus votos e os do resto de forzas de esquerda, incluída Bildu, deulle a presidencia do Parlamento ao candidato de Geroa Bai, Unai Hualde, por diante do de Navarra Suma, a coalición de UPN, PP e Ciudadanos. A mesma combinación podería darlle a presidencia da comunidade á socialista María Chivite.

Inés Arrimadas, Ciudadanos, di que "isto cheira a que hai xa un pacto de goberno para Navarra e sería unha infamia que o Partido Socialista impedise que Navarra Suma, a opción constitucionalista, gobernase en Navarra".

O acordo pode ter tamén efectos na investidura de Sánchez. Afasta os dous votos de UPN pero facilita os 6 do PNV. Sobre esa investidura, o Partido Socialista confirmou este mércores que a oferta de goberno de cooperación a Unidas Podemos inclúe postos de responsabilidade nun segundo nivel da administración, pero non ministerios.

Carmen Calvo, vicepresidenta do Goberno en funcións, di que "o presidente en funcións fixo unha oferta de postos de responsabilidade que non son no Consello de Ministros. Estamos esperando que Unidas Podemos poida dar xa unha resposta".

Irene Montero, Unidas Podemos, di que "estamos convencidas de que Pedro Sánchez non vai defraudar porque hai unha maioría social progresista neste país que nos quere ver gobernar conxuntamente".

O Goberno mantén a idea de convocar a investidura en xullo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí