CRTVG

Buscar

O cancro de pel é un dos máis frecuentes, pero tamén dos que mellor se poder previr

Publicado o 07/05/2019 16:12

Estamos ás portas do verán e a Fundación Piel Sana da Academia Española de Dermatoloxía e Venereoloxía presenta a campaña Euromelanoma, contra o cancro de pel. Coma todos os anos, os dermatólogos abrirán de balde as súas consultas durante unha semana. Será do 24 ao 28 de xuño, pero xa se pode solicitar unha cita previa.

É o cancro máis frecuente na raza branca pero tamén é dos que mellor se pode previr. Malia que existe a predisposición xenética, segue a ser a exposición solar a principal causa que provoca o melanoma.

"Non tomalo nunca cando o noso corpo non faga sombra, porque pode ser por dúas cousas: porque temos o sol enriba ou porque está nubrado e non nos decatamos da radiación e queimámonos o mesmo que os ultravioletas A que non avisan", conta Hugo Vázquez, xefe do servizo de Dermatoloxía do Complexo Hospitalario Universitaro de Santiago (CHUS).

A Fundación Piel Sana presentou hoxe a campaña Euromelanoma. Durante a semana do 24 ao 28 de xuño os seus dermatólogos consultarán de balde calquera dúbida sobre manchas e lunares. Pero en Galicia temos ademais outra vía de consulta rápida que leva 5 anos implantada nos hospitais.

"En 48 horas a través dunha fotografía, calquera lesión pigmentaria sospeitosa enviada polo médico de atención primaria terá resposta e se lle responde si, hai que quitalo nun período máximo de 15 días, e son uns tempos moi curtos e unha vía rápida que funciona moi ben", di o doutor Vázquez.

A exploración é a mellor forma de detectar o melanoma e os facultativos advirten da importancia que xogan as familias no diagnóstico precoz.

"Pois esas cinco cousiñas que hai que mirarlle aos lunares normalmente a familia as detecta e pasa con moita frecuencia que son os fillos, e os pais os que din mira consulta ese lunar porque non era así", conclúe o responsable de Dermatoloxía do CHUS.

O cancro de pel pódese ver, hai que coller o hábito de revisarse e moito ollo porque tamén poden aparecer manchas en zonas non expostas ao sol.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/05/2019