CRTVG

Buscar

O campus de Pontevedra celebra os primeiros exames presenciais da nova normalidade

Publicado o 22/06/2020 15:35

A primeira proba das seis que se van celebrar esta semana no campus de Pontevedra transcorreu sen incidencias.

Dous alumnos de Fisioterapia acudiron a esta convocatoria extraordinaria dunha materia que avalía habilidades manuais. A profesora de Fisioterapia xeral Mercedes Soto puntualiza, con todo, que "se lles deu a oportunidade de  facelo a distancia porque non todos están seguros, ou dubidan do seu estado de saúde".

O exame realizouse no laboratorio, con alumnado e profesorado provistos de equipos de protección individual e de todas as medidas de seguridade sanitaria necesarias.

"Segundo entran pola porta, teñen que limpar os pés, hai xeles hidroalcólicos e tamén se estableceron circuítos de subida e baixada diferentes", explica Soto, que, unha vez rematado este primeiro exame, amósase satisfeita do resultado. "Algo nerviosos, porque é un exame, pero eu creo que saíu todo ben".

Logo desta primeira experiencia, Fisioterapia acollerá dúas probas máis esta semana. Tamén haberá tres exames presenciais na escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, e, xa en xullo, Belas Artes acollerá sete exames que requiren a presenza do alumnado para expoñer obras ou traballos.

Noticias web

22/06/2020