O Camiño rexorde: Unha peregrina francesa sela a compostela 150.000 deste ano
A peregrina 150.000 deste Xacobeo chámase Marie Boileau e vén da cidade francesa de Dax. Ela e o seu esposo son uns auténticos adictos ao Camiño de Santiago. É a quinta vez que recollen a súa compostela.
Desta volta peregrinaron desde Oviedo, unha ruta que deixaran pendente pola pandemia. "Gústame cada vez. Cada vez digo: non o fago máis, e ao día seguinte digo: xa, saímos", di Marie.
A directora xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregoulle o certificado e amosou a súa esperanza de que se recuperen as porcentaxes de peregrinos internacionais de antes da pandemia.
"Estimabamos que iamos pechar o ano cos 140.000 peregrinos, unha cifra xa importante, pero agora que estamos xa co peregrino 150.000 sinceramente o que estamos a celebrar é o éxito da reactivación do Camiño. Esperamos que isto sexa o inicio e o termómetro do ano 2022", di Nava Castro.
O obxectivo, recuperar o peregrino internacional. Antes eran o 60% dos que chegaban a Compostela e agora só o 25% dos que emprenden o camiño a Santiago.