CRTVG

Buscar

O Camiño recibe o peregrino cen mil unha semana antes que en 2018

Publicado o 08/06/2019 15:30

Os irmáns Cynthia e Sergio Chapa, estadounidenses de orixe mexicana, atopábanse esta mañá en Santiago cunha singular sorpresa. Sen sabelo, acabábanse de converter nos aspirantes ao título de peregrino cen mil deste ano na ruta xacobea. Saíron dende Francia hai 24 días con outros familiares, e tras case 800 quilómetros nas súas botas, esta mañá Cynthia recibía finalmente a compostela conmemorativa.

"Ver a cidade, a comida moi rica, todo moi seguro e bonito, todos moi amables. E unha experiencia que nunca se nos esquecerá", asegurou a peregrina.

O seu irmán, Sergio Chapa, coincidía con ela: "A experiencia, todo estaba moi bonito, alto para nás, calmada e o frío, e todo fantástico. Nunca o fixeramos antes".

O número máxico dos cen mil peregrinos acádase este ano, oito días antes que en 2018, segundo datos da Consellería de Cultura e Turismo. Cun crecemento do 13 por cento, dende a Xunta esperan superar este ano os 330.000 camiñantes do ano pasado, cifra record do Camiño, e porse a pensar xa na celebración do Xacobeo no ano Santo de 2021.

"Estamos traballando para organizar o mellor Xacobeo posible en 2021,  tanto a nivel físico, mellorando o camiño coma en infraestrutura para facilitar o percorrido polo mesmo, e nun breve espazo de tempo imos adxudicar un contrato de 15 millóns de euros para poñer en correcto estado todas as rutas xacobeas", asegurou o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez.

Dous detalles apuntalan o aumento de peregrinos un ano máis: a medra de camiñantes fóra dos meses de verán e a da chegada de peregrinos estranxeiros, que xa suman un 66% do total.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/06/2019