O Camiño Inglés xa é o cuarto con máis peregrinos
Atopamos un grupo de mozos saíndo de Sigüeiro para percorrer os últimos quince quilómetros do Camiño Inglés ata Santiago. Son estudantes na Universidade de Xirona. Como a maioría dos que elixen esta ruta, saíron de Ferrol e tras cinco días, xa lles tarda chegar a Compostela.
Paula: "É a primeira vez que fago o Camiño e son máis de cen quilómetros e é duro, pero ben". María: "Levaba moito buscando alguén para facer o Camiño porque o quería facer. Atopei a Esther e puxémonos de acordo para facelo despois dos exames e xuntámonos os catro".
Esther: "É moi bonito. Moito verde, moita auga, moita natureza. Un pouco de todo. Tamén cidades, vilas".
Elixiron o Camiño Inglés de casualidade pero é unha ruta que está á alza e xa é a cuarta con máis xente. Segundo os datos da Oficina do Peregrino, o ano pasado percorrérono 15.780 persoas. E Ferrol é o quinto lugar preferido para iniciar a peregrinación, aínda que este é un dos meses con menos afluencia.
Nil: "Estivemos sós en todos os albergues agás neste último, que había outra xente, que eran traballadores, pero moi ben, moi a gusto. Agradécese tamén a tranquilidade para poder descansar".
Esa preferencia polo Camiño Inglés nótano ben nos albergues.
José María Barreiro, do albergue Camiño Real: "Levamos xa tres temporadas altas abertos, empezamos en Semana Santa vai para tres anos e notamos que hai un constante aumento deste camiño, igual que din do portugués".
O Camiño portugués é o segundo preferido, a bastante distancia do Francés polo que andaron o ano pasado case 190.000 peregrinos.