CRTVG

Buscar

O Camiño de Santiago xa pasa polo Parlamento Europeo

Publicado o 02/04/2019 21:52

Desde hoxe, o Camiño de Santiago pasa, simbolicamente, polo Parlamento Europeo, en Bruxelas. O conselleiro de Cultura, o eurodeputado Francisco Millán Mon, o vicepresidente da Eurocámara ou o embaixador permanente de España ante a Unión Europea inauguraron oficialmente a ruta alternativa que busca saír ao encontro de calquera que queira iniciar a Ruta Xacobea.

Catrocentos quilos de pedra do Porriño nunha mouteira convidan a percorrer, desde o Parlamento Europeo, os mil trescentos dezaoito quilómetros que separan, en liña recta, Bruxelas de Santiago.

O Camiño de Santiago pasa xa, simbolicamente, pola Eurocámara, un lugar tamén ao que peregrinan, cada día, por temas insitucionais, milleiros de persoas. A Ruta Xacobea quere servir como exemplo de conciliación.

A frecha amarela sinala a ruta a Galicia. O simbólico marco convida aos camiñantes a iniciar unha viaxe a Compostela que, o pasado ano, fixeron peregrinos de cento oitenta países diferentes.

A sinalización Xacobea de Bruxelas é a segunda que se instala fóra da ruta oficial do Camiño de Santiago. Haberá ata unha veintena de mouteiras por todo o mundo. O Camiño ábrese, móvese, corre os seus propios marcos, ofrécese a ser iniciado desde calquera localización e sae ao encontro do cidadán para convertelo en peregrino do mundo.


 

Noticias web

02/04/2019