O Camiño de Santiago vaise abastecendo de peregrinos coa chegada da primavera
Avanzamos cara á primavera e o Camiño de Santiago vaise abastecendo de peregrinos. Cada día que pasa, chega algún máis ca o día anterior. Hoxe, concretamente, notouse a incidencia do festivo en cinco comunidades, incluída a galega.
No Monte do Gozo, ás portas xa do destino final, atopamos os primeiros peregrinos da xornada. Son valencianos que escaparon das fallas e que aproveitaron a ponte festiva na súa cidade para faceren o camiño desde Sarria.
Un pouco máis lonxe da meta avanza un sevillano cunha ampla experiencia. Leva 23 camiños ás costas.
Onte chegaron a Santiago 255 peregrinos. É unha cifra aínda moi distante das que se rexistran en temporada alta, cando desembarcan no Obradoiro unhas cincuenta mil persoas ao mes.
Empeza a temporada forte do camiño, que previsiblemente despuntará coa chegada da Semana Santa.