O Camiño de Santiago reinvéntase con máis seguridade e sostiblidade de cara ao Xacobeo 2021
Con case 350 mil peregrinos e uns oito millóns de visitantes o ano pasado, o Camiño de Santiago é un importante recurso cultural, turístico e económico. Arredor del movíase nos últimos anos unha actividade económica duns trescentos millóns de euros e ano que ven, que é ano santo, prevíase superar tódolos rexistros de visitas. Pero chegou a covid-19, e cambiou todo.
Cecilia Pereira, Comisaria do Xacobeo 2021 asegura : "Tivemos que repensar e replantexar. Temos unha situación que é bastante incerta, e estamos a acomodar toda a programación con todo o coidado. O que queremos, e o principal, é a saúde das persoas".
Os peregrinos volven pouco a pouco botar andar polas rutas do Camiño de Santiago. Xa van preto de catro mil dende que reabriron os albergues a principios de mes. "O que facemos -comenta Cecilia Pereira- é ir abrindo os albergues con tódalas medidas de seguridade. Por suposto, agora temos un aforo moitísimo menor. No noso caso é dos públicos. Do cincuenta por cento, nos privados é do setenta e cinco por cento. e cumprindo moitas medidas de seguridade".
Moitos negocios que viven da actividade que xeran os peregrinos contan con ter perdas de máis dun oitenta por cento con respecto o ano pasado. Potenciar novos enfoques para atraer os camiñantes será básico. "Un Xacobeo participativo, que continuará a ser, un Xacobeo preocupado polo medio e pola sostibilidade e un Xacobeo de todos e descentralizado. Xa non poderemos facer o Festival de Sons do camiño no Monte do Gozo con trinta ou corenta mil persoas, pero o Monte do Gozo segue estando preparado para cando todo isto remate poidámolo retomar", confirma a comisaria do Xacobeo.
Para diminuír as consecuencias económicas da pandemia, mesmo se estuda prorrogar o Ano Santo ata 2022. Todo con tal de volver disfrutar do camiño de Santiago en todo o seu esplendor.