CRTVG

Buscar

O Camiño de Santiago colle pulo tras o alivio das restricións

Publicado o 09/10/2021 13:45

Esta semana superáronse todas as expectativas que había con respecto á afluencia de peregrinos para este 2021: xa van máis de 140.000 camiñantes. E a cifra segue aumentando. De feito este venres chegaron a Compostela outros 1.300 peregrinos. 

Iso si, para que os albergues ocupen o 75 % das prazas o hospedeiro deberá pedir o certificado de covid, segundo acaba de avalar o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia. Un pouco máis de aire a un dos sectores onde a pandemia bateu máis forte.

Con todo, os datos dos peregrinos que chegan a Compostela superaron as previsións máis optimistas. A Xunta poñíase como reto chegar aos 140.000 a fin de ano, algo que xa se conseguiu a principios de outubro. E os peregrinos seguen, malia que os días van arrefriando e malia que cada xornada a noite chega antes.

A diferenza do verán, os peregrinos parece que levan máis calma. Malia que hai establecementos con todas as prazas ocupadas, xa non hai que competir por ter onde durmir.

Tamén este mes segue habendo moitos peregrinos estranxeiros. Todo indica que o camiño será un dos primeiros destinos turísticos e culturais que antes se recupere da pandemia.

Noticias web

09/10/2021