CRTVG

Buscar

O caldendario de vacinación fai reducir case un 50% a incidencia da varicela en Galicia

Publicado o 18/02/2020 14:05

A incidencia da varicela en Galicia descendeu un 42 por cento só no último ano, despois de descender tamén en 2018. Sitúase agora nas taxas máis baixas do últmo cuarto de século. Datos positivos que son posibles grazas á implantación das campañas de vacinación en lactantes a partir de quince meses.

É unha vacina en dúas doses: aos 15 meses e outra vez aos tres anos. Efectiva ao 90%. Apenas catro anos de administración sistemática en Galicia foron suficientes para obter datos históricos. A menor incidencia de varicela no último cuarto de século. E a constatación de que, como recomendan as sociedades pediátricas, hai que vacinarse da varicela de nenos, e non a patir dos 14 como prevían anteriormente as autoridades sanitarias.

"Nun momento determinado, o Goberno central decidiu non só que que non a ía incluír no calendario vacinal, senón que ademais ía prohibir a súa administración a través da receita dos pediatras, e pasou o que pasa sempre. Se deixas de vacinar, as enfermidades volven", explica Federico Martinón, responsable do Servizo de Pediatría do CHUS.

Aquilo foi en 2013, e ata chegou a colapsar as farmacias portuguesas con pais e nais na busca das vacinas vetadas. Volveu a enfermidade cun repuntamento do número de casos e chegou despois a rectificación.

"Os galegos unha vez máis fomos rápidos en introducir esa vacina no noso calendario e gozamos dos beneficios da vacinación universal desde o ano 2016 e iso está facendo que a varicela se estea a converter na idade pediátrica nunha enfermidade rara", afirma Martinón.

Rara na infancia e infrecuente entre maiores -que é cando é mais virulenta- porque diminúen drastricamente o número de contaxios.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/02/2020