CRTVG

Buscar

O cadro de Castelao 'A derradeira leición do mestre', de camiño a Galicia

Publicado o 25/09/2018 15:35

Comezou o traslado da icónica obra de Castelao 'A derradeira leición do mestre', que chegará nunhas horas a Galicia para protagonizar a mostra 'Castelao maxistral', no Museo da Cidade da Cultura. Considerado como 'O Guernica galego', todo un emblema de denuncia da represión franquista no noso país, esta xoia pictórica que Castelao creou durante o seu exilio en Bos Aires poderá verse por primeira vez en Galicia.

'A derradeira leición do mestre' é unha das obras fundamentais de Castelao e sae por primeira vez da Arxentina, dende o Centro Galicia de Bos Aires que o custodia, para pór rumbo a Galicia. Foi pintado na capital riopratense en 1945 e é un óleo de grandes dimensións, con dous metros de altura, polo que o traslado se fará entre importantes medidas de seguridade para que todos os galegos da terra poidan contemplalo dende o vindeiro 5 de outubro no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura.

Persoal especializado no traslado internacional de obras de arte fíxose cargo do operativo. E logo de embalalo e introducilo nun cofre blindado deseñado á medida, o cadro foi transportado dende o centro da capital arxentina ata o aeroporto internacional de Ezeiza, onde un voo comercial o levará ata a península nas próximas horas.

José María Vila, presidente do Centro de Galicia en Bos Aires, explicou que "sempre pensamos que sería bo que o galego do territorio puidese ver o cadro e tomar conciencia do que representa. O cadro simboliza dous aspectos importantes, un é o aporte da emigración e outro é o aporte de si mesmo como emblema e como bandeira".

Considerado 'O Guernica galego' por ser un símbolo da represión durante a guerra civil, é ademais un tributo do rianxeiro a Alexandre Bóveda, fusilado en agosto do 36, e por fin poderá verse na terra que o inspirou.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

25/09/2018