CRTVG

Buscar

O cadáver atopado en Carmona pode ser o da muller desaparecida hai 11 días

Publicado o 09/10/2019 14:02

No municipio sevillano de Carmona apareceu o corpo sen vida dunha muller que se cre que é a que desaparecera o pasado día 29 da súa casa. Dáse a circunstancia de que o fillo desta muller desaparecera un día despois que a súa nai, aínda que a semana pasada foi localizado no seu domicilio.

Foron uns veciños os que a última hora da tarde de onte atoparon o cadáver a uns dous quilómetros da zona urbana de Carmona.

Estaba nun camiño secundario e todo indica que a morte puido producirse hai xa uns días porque o corpo estaba en avanzado estado de descomposición.

Agora trátase de aclarar se é Mercedes Márquez, a muller de 84 anos que desaparecera o pasado día 29 da súa casa, aínda que todo indica que se trata dela.

A Garda Civil volveu esta mañá á zona en que apareceu o cadáver para buscar algún indicio sobre as circunstancias da morte.

Os veciños de Carmona relataron aos axentes que a muller desaparecida andaba con dificultade polo que lles resultaba estraño que puidese chegar ata un lugar tan afastado da súa casa.

Ademais dáse a circunstancia de que un día despois de que desaparecera, desapareceu tamén o seu fillo, de 54 anos, aínda que finalmente foi localizado na súa vivenda a mediados da semana pasada e, de momento, todo indica que non hai relación ningunha entre ambas as dúas desaparicións.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

09/10/2019