O burro Míchel e unha ducia de cabras cooperan na limpeza do monte en Rianxo
O burro Míchel é a última fichaxe dun grupo de voluntarias e voluntarios empeñados en darlle valor ao monte de Taragoña. Provistos de fouces fixeron a primeira roza en Campo Maneiro anos atrás. Había que empezar a darlle valor ao monte eliminando árbores invasoras. O xermolo estivo na proposta de visitar a plantación que fixeran cando cativos co colexio Brea Segade.
Parte do éxito é dos animais que teñen facendo de rozadoira continua. Canda a cabana de cabras, da que alguén roubou dúas, o burro é o que acapara máis atención. O proxecto tamén prevé que veñan escolares da contorna e que os de aquí vaian facendo de guías explicando o proxecto. A iniciativa, aberta a quen queira participar, intégrana de momento uns vinte veciños e veciñas de Taragoña.