CRTVG

Buscar

A tripulación do Blue Star está ben e non hai contaminación

Publicado o 23/11/2019 15:08

Os dezaseis tripulantes do Blue Star están en perfecto estado e o risco de contaminación é mínimo. Son os dous puntos nos que quixo incidir o alcalde de Ares. Julio Iglesias apenas durmiu nas últimas horas, pendente da evolución da situación en Punta Miranda.

Julio Iglesias, alcalde de Ares:  "Non hai ningún perigo para a tripulación nin para o medio ambiente e agora o problema é tecnico: desencallalo nunha zona de moitas rochas. Onte os remolcadores non puideron achegarse nada porque se vían perfectamente a cantidade de baixos que hai aí". 

O buque navegaba sen carga tras deixar o fondeadoiro de Ares. Quedou á valga tras sufrir unha avaría nas máquinas e varou pouco antes da medianoite. Nese momento estaba activo un aviso amarelo por vento e mar de fondo, con ondas de cinco metros. As condicións marítimas non melloraron nas últimas horas. Salvamento Marítimo coordina desde a Torre de Control da Coruña o operativo para desencallalo barco e remolcalo a porto. A imaxe do Blue Star incrustado entre as rochas está sendo un reclamo para os veciños da contorna.

Os técnicos de Salvamento achegáronse á zona para observar de preto a situación do barco. A preamar foi o momento escollido para tratar de reflotar Blue Star.

Noticias web

23/11/2019