O buque oceanográfico galego xa está rastrexando o mar na busca das nenas desaparecidas de Tenerife
A insignia do Instituto Español de Oceanografía ondea xa no dique sur do porto de Tenerife despois de sete días de travesía do seu buque Ángeles Alvariño desde Vigo. Únese á busca das dúas menores desaparecidas hai un mes e tres días, cando estaban pasando un martes co pai.
A propia directora xeral da Gardia Civil, María Gámez, definiu o oceanográfico galego como a ferramenta máis extraordinaria para poder pechar o caso.
Segundo o plan previsto, a nave está xa rastrexando. Faino desde as tres da tarde deste domingo, a unha milla do portiño de Güímar, xusto onde deron coa lancha á deriva do proxenitor das nenas, Tomás Gimeno, de 37 anos, tamén desaparecido. A carón del flotaba a cadeira de retención infantil de Anna, a máis pequena, dun ano.
A través dun sonar de varrido lateral o buque radiografará o fondo mariño e, de dar con algo, gravarao e subirao á superficie co robot Liropus.
Antes de saír ao mar, o equipo do Ángeles Álvariño reuniuse co da Garda Civil para definir a estratexia de busca. Unha das certezas da investigación é que o día da desaparición, a madrugada do 27 ao 28 de abril, o pai saíu do porto Marina Tenerife dúas veces, ás nove e media da noite e ás doce. Os investigadores saben tamén que as nenas non ían con el.