CRTVG

Buscar

O buque "Malaspina" arriba á Coruña e abre as súas portas ao público

Publicado o 06/07/2019 21:18

O buque da Armada "Malaspina" está realizando tarefas de actualización da cartografía e das publicacións náuticas das costas asturiana e galega. Durante esta fin de semana fai escala na Coruña e abre as súas portas para que o público coñeza o traballo que desenvolve esta embarcación hidrográfica, fundamental para a seguridade na navegación en augas españolas.

Durante as últimas semanas o buque hidrográfico "Malaspina" traballou na actualización da cartografía e das publicacións náuticas das illas Baleares e da costa asturiana. Cristian Pérez Vela é tenente de navío:  "Agora estamos por Galicia, rematando os traballos ao oeste de Fisterra ata os douscentos metros de profundidade e nos portos de O Freixo e Santa Uxía de Ribeira". 

As campañas hidrográficas do "Malaspina" tradúcense en seguridade para os buques que navegan en augas españolas. "O buque dispón dun sondador multifaz e temos dous botes despregables , un deles equipado cun sondador portátil que serve para facer os traballos en zonas de menos sonda. "

Esta fin de semana o "Malaspina" permanece amarrado no porto da Coruña e recibe o público para que poidan coñecer o labor que desenvolven as 48 persoas integrantes da dotación do buque. "Aquí temos un exemplo dunha carta de papel e do anuario de mareas que contén as mareas en todos o portos de España durante este ano." 

Os visitantes achéganse ao mundo da cartografía e tamén observan algunhas imaxes curiosas, como a deste submarino alemán afundido na bocana da ría de Ferrol nas postrimerías da primeira guerra mundial.

Noticias web

06/07/2019