CRTVG

Buscar

O buque de Celeiro retido en Irlanda xa traballa na marea de volta á casa

Publicado o 15/06/2021 14:54

O Punta Candieira foi liberado en Irlanda e xa vén traballando rumbo á casa. "A tripulación está perfectamente", di Suso Lourido, xerente da Organización de Produtores Porto de Celeiro, á que pertence o buque. "Decidiron seguir traballando, van completar a marea e esperamos telos por aquí a semana próxima", engade. 

Atrás quedan quince días retidos no porto de Cobh. Fora denunciado por un barco irlandés, porque supostamente pescaba dentro das augas territoriais. Tiveron que aboar unha fianza sen precedentes, 170.000 euros, pero seguiron amarrados a porto por deficiencias técnicas, segundo os inspectores irlandeses.

E de fondo, a crise de prezos que atravesa o sector. "Quizais o sector irlandés sentiuna máis profundamente, porque son moi dependentes das exportacións a España e países do sur", afirma Lourido, que ve unha "sobreactuación e sobrerreacción de dous departamentos distintos en Irlanda". Cre que ten máis que ver cunha irlandeses ten que ver "cunha problemática interna, máis ca coa presunta infracción do barco".

O patrón do Punta Candieira terá que volver a xuízo, acusado de tres cargos por infracción da normativa pesqueira. "Os cargos resúmense nun, que parte do aparello estaba presuntamente dentro das augas irlandesas", explica o xerente da OPP Porto de Celeiro. "Non estamos falando nin de pesca intencionada, nin de falta de cotas, nin dunha cuestión de nocturnidade" engade Lourido. "Foi a plena luz do día, e con todos os sistemas de localización encendidos".

Se non hai cambios, o xuízo celebrarase en Irlanda o próximo dous de xullo.

Noticias web

15/06/2021