CRTVG

Buscar

Comeza a ABAU do coronavirus para case 15.000 alumnos

Publicado o 07/07/2020 09:00

• En Viveiro centralizáronse os exames para os alumnos da Mariña | Só poden sacar a máscara durante os exercicios e gardar unha distancia de dous metros

 

Hoxe comezaron os exames da ABAU con récord de matriculados, máis de 14.500 alumnos, e cun protocolo sanitario e de seguridade extremo.

Medidas de distanciamento, acceso ordenado dos alumnos ou control de aglomeracións son algunhas das accións que veremos no desenvolvemento dos exames, que se realizan desde hoxe ata o 8 e 9 de xullo. Este ano multiplícanse as comisións delegadas, haberá menos alumnos por aula e será maior o número docentes e vogais que vixíen o cumprimento das medidas de seguridade.

As cidades de Santiago e A Coruña adoptaron probas con módulos inferiores a 50 alumnos. No caso de Vigo, levarase a cabo un modelo combinado, por mor dunha maior dispersión. Deste xeito, algunhas comisións situanse en pavillóns ou institutos comarcais. Un dato que cómpre salientar é que cada lugar terá unha organización específica. Os alumnos repartiranse en 46 comisións delegadas.

Máis de 2.800 estudantes farán as probas en Santiago de Compostela, na Coruña serán 2.490. Vigo acollerá 1.197, Ferrol contará con 882 alumnos e o resto de matriculados farán as probas en Lugo, Ourense, O Carballiño, Xinzo de Limia, A Rúa, Baiona, Redondela, O Porriño, Viveiro, Cangas, Tui, Ponteareas, Pontevedra, Vilagarcía, Marín e Cee.

Intensifícanse as medidas na Mariña, por mor do brote

Esas medidas son aínda máis intensas na Mariña, onde o brote obrigou a axustar o número de alumnos por aula e a reforzar o persoal. 

Ante esta situación, a CiUG avogou por modificar a relación de centros que acudirán a facer as probas á localidade. Por exemplo, o alumnado de Ortigueira fan a ABAU na facultade de Humanidades do Campus de Esteiro, en Ferrol. E os estudantes do IES San Rosendo de Mondoñedo realizan as probas en Viveiro. Reforzarase a comisión con vogais e "máis vixiantes".

Entre as novas medidas decretadas polo SERGAS está a reordenación da disposición de mesas e postos de exame, de xeito que se garanta unha distancia interpersoal de dous metros. Ademais, cada clase acollerá arredor de 14 alumnos. Cómpre evitar tamén, segundo a orde do Sergas, os grupos de máis de dez persoas en zonas exteriores.

O uso de máscaras é obrigatorio, malia que os alumnos poidan retirala cando senten a facer a proba, iso si, sempre que se manteña a distancia interpersoal obrigatoria. No tocante á realización dos exames, serán os vogais os que entreguen os formularios. Estes recolleranse dun xeito organizado e evitando aglomeracións. Os alumnos sairán de forma espaciada e non poderán quedar nos corredores.

Os correctores recibirán os exames con polo menos 24 horas de marxe, e empregarase xel en cada un dos formularios utilizados polo alumnado. Tamén sufriron modificacións o horario e a orde das materias, de xeito que as troncais se distribúan nos dous primeiros días. Por último, no referente a materiais sanitarios, cada sede contará con xeles, máscaras de reposto, cartelería e bolígrafos desinfectados

 

Noticias web

07/07/2020