CRTVG

Buscar

O brote da Mariña é un dos once que máis preocupan a Sanidade

Publicado o 30/06/2020 08:30

Repuntan os casos de coronavirus en Galicia. Nas últimas horas rexistrábanse oito novos contaxios, dos que seis corresponden ao brote da Mariña, que suma xa 28 infectados. Este é un dos once focos activos en toda España que máis preocupan ás autoridades sanitarias. 

Segundo o último parte da Consellería de Sanidade, en Galicia hai 315 casos activos. O brote que preocupa é o detectado hai unha semana na Mariña de Lugo. Seis persoas máis deron positivo, o cal eleva a 28 os casos vencellados a este brote que afecta aos municipios de Xove e Burela. A maioría dos infectados son leves ou asintomáticos. Só un deles está ingresado no hospital público da Mariña. Xa se realizaron máis de 200 probas tralo rastrexo de 300 contactos a partir do primeiro caso. A área Sanitaria de Lugo rexistra un total de 47 positivos de coronavirus.

No total de España, Sanidade ten contabilizados 51 brotes sen pechar, é dicir, que inda se consideran presentes, pero fan seguimento especial de once. Un deles, o da Mariña, considerado un brote familiar comunitario.

Fernando Simón, Director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias. "Non son de especial preocupación, pero polo volume de casos temos que manexalos con coidado. Maioría dos casos asintomáticos probablemente antigos. Estamos pendentes das probas dos anticorpos".

Á parte do brote da Mariña, son de especial interese os brotes de Aragón, en Huesca e Zaragoza, con máis de 320 positivos, e o do centro de acollida de Málaga, que suma 92 casos; tamén os de Lleida, os do hospital de Valladolid e o de Murcia.

Só no día de onte se diagnosticaron 84 novos casos e 331 casos con data de inicio de síntomas nos últimos sete días.

Fernando Simón, Director do Centro de Alertas e Emerxencias Sanitarias: "A diferenza está sobre todo no número de asintomáticos que se notifican, porque o número de sintomáticos segue descendendo suavemente. En cambio o de asintomáticos parece que non se reduciu tanto. Isto débese probablemente ao esforzo diagnóstico que se realiza arredor de cada caso detectado, de cada brote que se identifica".

Simón asegurou que o estudo dos brotes se está facendo con moito detalle, e iso esta permitindo accións localizadas e illamentos selectivos e evitando a transmisión comunitaria xeneralizada.

Noticias web

30/06/2020