CRTVG

Buscar

A Xunta sitúa o foco do brote da Mariña en bares do porto de Burela

Publicado o 03/07/2020 12:34

• Xa son 59 os positivos da repunta no norte da provincia de Lugo

Galicia suma hoxe 318 casos activos, un máis ca onte. Pero o dato que máis destaca é que seguen subindo os afectados na área de Lugo, debido ao brote da Mariña. Nesa área, aumentaron en 13 os casos activos, co que o número total ascende a 77. Lugo é xa a segunda área con máis infectados.

En concreto, sobre o brote da Mariña o Sergas informa de que ata esta mañá o número de positivos se eleva a 59, debido a outros 12 casos positivos.

Deses 59, a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas leves, e teñen a obriga de gardar corentena 14 días. Pero tamén hai dúas persoas ingresadas no hospital da Costa en Burela por precaución, dado que a súa evolución é favorable.

O rastrexo dos contactos das persoas con positivo en Covid-19 permitiu determinar que, aínda que o brote afecta a máis concellos da Mariña, a orixe está nun único foco localizado en Burela, en bares da zona portuaria que xa levan dias pechados.As autoridades fan un chamamento á prudencia, observando as medidas de prevención.

Alfredo Llano, alcalde de Burela: "Estase traballando moi duro para frear o avance dos contaxios. Estanse facendo máis de cen test diarios. É digno de admiración".

Ramón Ares, xerente da área sanitaria: "Evoluciona segundo o esperado. Estase facendo unha búsqueda activo por eso medra o número de casos, a maioria persoas asintomáticas ou con sintomas leves".

Sanidade pediu esta mañá a colaboración dos alcaldes da Mariña  na vixilancia do cumprimento das medidas de seguridade.

A Coruña perde 10 casos activos

No extremo oposto á área de Lugo está a da Coruña, que segue o seu descenso. Perdeu onte 10 casos activos, co que suma en total 63. Outro dato destacable en positivo: na área de Pontevedra só quedan cinco contaxiados confirmados.

Non hai variacións en número de hospitalizados nun dos días que máis PCR se fixeron en Galicia: un total de 3.617. Galicia ten xa seis curados máis.