CRTVG

Buscar

O "brexit" trae a incerteza aos galegos do Reino Unido

Publicado o 01/02/2020 16:02

Á espera de saber como van ir desenvolvéndose esas negociacións, polo de agora todo son preguntas ao aire. Con incerteza viven os galegos residentes na zona. Estivemos no centro galego de Londres. Alí conversamos con varios galegos. Quixemos saber como ven eles este momento histórico. Moitos deles levan media vida aquí, tiveron fillos e están ante un cambio que implicará burocracia e, que sabe, se algo máis. 

No Reino Unido viven preto de nove mil galegos, sen contar os seus descendentes, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística. O adeus definitivo da Gran Bretaña á Unión Europea está a ser seguida pola comunidade galega no país con incerteza.

Rogelio Loureda,  que marchou da Coruña con nove anos, explica que o brexit  é unha situación complicada "porque como todos non sabemos que vai pasar exactamente. Persoas coma mín que levamos moitos anos traballando aquí penso que non vai haber problema, pero de tódolos xeitos é a incerteza do que vai pasar cara o futuro".

Entre os galegos que traballan e viven nas illas británicas hai división de opinións, pero moitos tiñan claro que dende un principio o brexit ía saír adiante. Segundo Nicolás Miño, natural de Miño e residente no Reino Unido dende hai cincuenta anos, "dende que se votou que íamos ir para fóra, eu sempre tiven claro que íamos ir para fóra. O inglés é cumpridor das palabras que di e vai facer o que pensa".

A comunidade galega no país sinala os que levan pouco tempo ou os que teñan previsto achegarse ao Reino Unido no futuro como os principais prexudicados pola separación británica. Pero aínda asi, as oportunidades laborais pesan moito.

Ana Cristina Covas, que saíu da Ponte Ulla cara ás illas Británicas hai ano e medio, dí que bota  de menos Galicia, "pero volver traballar para alí non me gusta demasiado. Trabállase mellor aquí".

O Reino Unido sempre foi un destino histórico para a emigración galega. Hoxe en día a lingua e as saídas laborais seguen actuando como reclamos para moitos galegos, pero só o tempo decidirá se o brexit acaba cambiando todo.

Noticias web

01/02/2020