O Breogán xoga este domingo o duelo final polo ascenso á ACB
Diego Epifanio: "Moi contentos porque sabemos que xogamos unha final, agora si que xa non hai rede para ningún dos dous. Esperemos poder descansar e afrontar un partido durísimo".
Como durísimo foi igualar a eliminatoria e manter vivo o soño do ascenso. Un soño compartido e sustentado pola afección. O efecto Pazo volveu ser determinante para acadar o triunfo.
"Felicitar o Pazo, porque creo que unha vez máis foi unha pasada xogar na casa. Foi o Pazo das grandes ocasións", dixo Epifanio.
A ocasión o merecía. Os lugueses lograron forzar o partido de desempate tras un encontro intenso, emocionante e agónico.
A igualdade foi extrema durante os corenta minutos. Breogán gañou o primeiro cuarto e Granada respondeu chegando cunha mínima vantaxe aos vestiarios:39-41
Sergi Quintela foi o protagonista na continuación e o seu acerto en ataque determinou en gran medida que Breogán recuperara o dominio chegando aos doce puntos de vantaxe.
Pero esa diferenza foise reducindo paulatinamente. E unha vez máis houbo que sufrir ata o final, ata o último tiro. A falta de cinco segundos e con 79-78 no marcador, Ahonen recibe unha falta e anota os dous tiros libres. Sacando baixo a súa canastra, o Granada tivo un último tiro pero o lanzamento de Lluis Costa non tocou aro.
O domingo duelo final. Un partido de todo ou nada. Quen gañe será equipo de ACB.