CRTVG

Buscar

O Breogán volve das Canarias con dúas derrotas

Publicado o 08/10/2018 09:57

O Breogán volve das Canarias con dúas derrotas. Se ante o Tenerife os de Lezcano plantaron cara ata o descanso, ante o Gran Canaria non tiveron ningunha opción.

Cura de realidade a que recibiu o Cafés Candelas Breogán nas Canarias. A fortaleza do rival, todo un equipo de Euroliga, e as lesións e o precario estado físico de varios xogadores lucenses eran condicionantes que facían agardar un desenlace como o que finalmente se produciu. O Gran Canaria perdera os dous encontros iniciais e saíu sen contemplacións. Xa no primeiro cuarto obtivo dez puntos de renda que nunca perdería.

A mellor nova para o Breogán nesta cita foi o rendemento da súa última fichaxe, Jerome Jordan, que amosou un notable poderío no xogo interior. Achegou 18 puntos. Outro dos pivotes, o ucraíno Gerun, anotou 15. Agora toca traballo de adestramentos, de recuperación de xogadores pensando na cita do vindeiro sábado, en Lugo, diante dun Estudiantes que levou o derbi madrileño co Fuenlabrada case sobre a bucina. Unha canastra de Darío Brizuela marcou a diferenza.

Noticias web

08/10/2018

Máis sobre Deportes