O Breogán recibe a revelación da liga; O Obra terá que evitar os erros ante o Baskoniaz

O Breogán recibe no Pazo este sábado o Manresa, outro equipo que este ano regresaba á liga ACB e que está a ser a revelación da temporada. Na ida, os de Lezkano perderon nun partido que controlaron e ben puideron gañar pero que se lles foi nun parcial de 19-0 para os manresanos. Agora máis asentados na competición, os lugueses confían en levar o partido ante un rival que tampouco é o da primeira volta. Aleksandar Cvetkovic: "Eles cambian todo, cambian a Renfroe, cambian a Doellman, fichan outros xogadores, é outro equipo distinto do primeiro partido e temos tempo para preparalo ben."
O Obradoiro xogará en Vitoria ante todo un Euroliga que tamén arrastra problemas polas lesións. Na ida o Baskonia levou o partido no Sar na que practicamente era a estrea de Perasovic no banco. Gañar na súa pista non é misión imposible, pero para iso será preciso minimizar os erros que os baskonistas non perdoan.
Moncho Fernández, adestrador do Monbus Obradoiro: "É o equipo que mellor defende da liga, sen ningún tipo de dúbidas, non é unha opinión, é un feito, son o equipo que menos puntos de dous reciben, que menos puntos de tres reciben, que provocan máis perdas, nisto seguen sendo fantásticos, e sobre iso constrúen todo o demais."