O Breogán prepara a final de Guipúscoa

A derrota ante o Baskonia xa está esquecida. O Breogán ten o sábado unha final en San Sebastián. O pechacancelas recibe os de Natxo Lezkano, nun partido decisivo na loita pola permanencia na liga ACB.
"Agora, hoxe por hoxe, é o partido máis importante do ano, unha final para nós. Non hai outra cousa que gañar".
Na ida, o Breogán gañou ao Guipúscoa por doce puntos nun bo partido de Brown e Arco. Pero o GBC de agora non é o daquela, realizou fichaxes e na casa está competindo a pesar de levar só catro vitorias. O Breo tampouco é o que xogou aquel partido. Lucio Redivo, que leva arrastrando problemas físicos dende o inicio da temporada, é a un dos que se lle pide un maior rendemento que permita traer a vitoria de Donostia.
"Agora estou sentíndome ben. Máis cómodo. Estou facendo os adestramentos ben. Teño que ir por ese camiño".
Tras o partido ante Guipúscoa, o Breo recibirá o Fuenlabrada no Pazo. Dous rivais na loita por evitar o descenso. En Lugo a derrota nestes encontros non se contempla.