CRTVG

Buscar

O Breogán amosa a súa mellor faciana e supera o Granada con claridade

Publicado o 07/03/2020 23:02

O Leite Río Breogán sumou unha nova vitoria na LEB Ouro, ratificando a convincente imaxe que vén exhibindo no Pazo dos Deportes. Neste caso desfíxose do Granada, por 23 puntos de diferenza (86-63) .

O encontro comezou con bo ritmo por parte dos celestes. Os puntos de Arco e, sobre todo, Powell dábanlle as primeiras vantaxes. O encontro movesuse durante moitos minutos con semellantes características. Fuxida do Breogán e reacción dos andaluces, que non deixaban que as diferenzas se disparasen. Unha tripla sobre a bucina de Elijah Brown, que se estreaba en Lugo, deixaba ao Breogán 13 arriba no descanso.

O terceiro cuarto foi máis parello. O ex breoganista Guille Rubio colocou ao seu equipo a só cinco, pero non tardou en chegar a reacción celeste. No inicio do último cuarto, a aproximación do Granada foi ata os sete puntos, con dúas canastras seguidas de Watson. Foi o último instante de dúbida. O seguinte golpe de man dos breoganistas xa non obtivo resposta. Parcial de 14-0 que serviu para segurar o decimoquinto triunfo da temporada.

Powell, con 15 puntos, Olah con 11 e Gavrilovic e Brown, con 10, foron os máximos anotadores do Breogán.

Noticias web

07/03/2020