CRTVG

Buscar

O Breogán aférrase ao Pazo para o desenlace da eliminatoria (mércores, 20:15, G2)

Publicado o 07/06/2021 11:15

Cando o breoganista Ahonen lograba esta canastra sobre a bucina antes do descanso, nada facía presaxiar o afundimento dos lucenses un cuarto de hora despois.

Ata daquela, os de Diego Epifanio contiveron a forte saída do Alacante, sobre todo da man dun Sergi Quintela que foi o único que ofensivamente mantivo unha certa inspiración. O lucense protagonizou accións meritorias, continuando co bo nivel ofrecido no primeiro encontro da serie.

O 38 por cento en tiros de campo foi un lastre para un equipo, que ademais tamén se viu superado no rebote.

No terceiro cuarto chegou a caída. O Alacante atopou, por instantes, a fluidez ofensiva. Triplas de Gjuroski, poderío de Zohore preto do aro e velocidade endiañada de Guillem Arcos foron argumentos suficientes para rachar o partido. A defensa a Larsen tamen lles funcionou aos alacantinos, que nese decisivo cuarto obtiveron un parcial de 31-12.

O Breogán volveu evidenciar as súas carencias a domicilio. Leva dous meses sen gañar fóra dun Pazo dos Deportes ao que se volve aferrar para o desenlace da eliminatoria este mércores (20:15, G2). Nesta ocasión, ao que lle tocou celebrar sobre a cancha foi ao Alacante.

Noticias web

07/06/2021