CRTVG

Buscar

O Breogán abre a temporada na casa co Tenerife e o Obradoiro fai o propio visitando a Unicaja

Publicado o 04/08/2021 13:25

Os derbis galegos no baloncesto serán na xornada 16 (3 de xaneiro) e 26 (26 de marzo) respectivamente

O Breogán abre a temporada na casa co Tenerife e o Obradoiro fai o propio visitando a Unicaja

18 de setembro. Esa é a data na que volverá a competición na Liga ACB. O Río Breogán recibirá o Tenerife ese mesmo sábado ás 18:00 da tarde. Por parte do Obradoiro, terá que agardar ao día seguinte, domingo 19 de setembro, para viaxar a Málaga e visitar a Unicaja.

Ademais, este ano os derbis galegos regresan á máxima competición do baloncesto estatal. O primeiro, correspondente á xornada 16, terá un horario algo complicado para os espectadores, o luns 3 de xaneiro ás 21:30 o Obradoiro recibirá ao Breogán no Multiusos Fontes do Sar.

Quizais a coincidencia do partido coas vacacións de Nadal contribúan a ver cheo o pavillón. O segundo será na xornada 26 (o calendario é asimétrico), concretamente o sábado 26 de marzo ás 18:00 no Pazo dos Deportes de Lugo. Ese día será a quenda do Breo de intentar agasallar a súa afección cunha vitoria diante dos veciños da capital.

A competición remata o 14 e 15 de maio.

Noticias web

04/08/2021