CRTVG

Buscar

O Brasil vive hoxe a primeira rolda das presidenciais, co ultra Bolsonaro como favorito

Publicado o 07/10/2018 16:46

Ás oito da mañá locais, unha da tarde hora galega, abrían os colexios electorais para os 147 millóns de persoas que compoñen o censo do Brasil. O gran xigante suramericano elixe hoxe a totalidade da cámara baixa e vota nunhas presidencias moi polarizadas, pero con clara vantaxe nas enquisas para Jair Bolsonaro. Ex-capitán, racista e machista, promete orde social e liberalismo económico e esperta entusiasmo mais tamén termor e unha campaña co lema 'Ele Não'.


"Estou aquí porque Bolsonaro representa o fascismo. El non".


Lastrado pola fragmentación no campo esquerdo do taboleiro, as sondaxes dan como segundo na carreira a Fernando Haddad, o candidato con que o PT substituíu un Lula preso e inhabilitado. Con tres carreiras universitarias, Haddad é un moderado que terá moito que dicir se Bolsonaro non se alza hoxe coa maioría absoluta, nas eleccións máis polarizadas desde que o país pechou, en 1985, un tempo de ditaduras militares.


"A xente ten que votar con moita conciencia, porque estas eleccións son as máis importantes dos últimos tempos para a nosa democracia".


Se o Brasil non premia con maioría absoluta a Bolsonaro, a xornada decisiva para os dous primeiros de hoxe será o 28 deste mes. Daquela as opcións de Hahhad soben, e pode converterse no refuxio de todos os que ven con medo o radicalismo do ex-militar.

Noticias web

07/10/2018